Rumbo a onde nos leve este soño

Ola camarada,

 

Por aquí estamos estreando o noso Blogue para contarche unha historia. Unha desas que teñen todos os ingredientes para que quedes enganchada, e non queiras baixar do barco ata o final da travesía (se é que ten final…).

Pero como manda a tradición, empecemos polo principio.

Todo comezou con dúas tazas de café ben quentiñas, nunha mañá fría e chuviosa, na cidade de Pontevedra. Á mesa, dúas emprendedoras cheas de ilusións, proxectos, e metas lonxanas. Era a primeira vez que se vían, pero ao instante estaban falando coa confianza coa que se tratan as  amigas de toda á vida. Sorbo a sorbo compartiron inquedanzas, ideas… e de súpeto, comezaron a soñar.

“Un espazo no que poder medrar, compartir, mellorar…”

 

Soñaron cun espazo no que poder medrar, compartir, mellorar…coñecer a moitas outras mulleres que se atoparan na mesma situación que elas, con dúbidas, medos, puntos fortes e puntos débiles, no que entre todas puideran complementarse, sumar, unirse para aprender unhas doutras, e superar esas dúbidas e medos tan presentes en calquera aventura emprendedora.

Tras ese café, viñeron outros; moitos en cafeterías de varias cidades galegas (Vigo, A Coruña…), e moitos cafés virtuáis, nos que a tecnoloxía se converteu na súa mellor aliada. Botáronse ao mar cun pequeniño bote no mes de marzo deste 2018, e polo camiño atoparon un pouco de todo: mar de fondo, borreguiños, vento en popa, tempestades, mar en calma… pero remando codo con codo construiron as bases dese soño que tiveron un día.

“Fai exactamente 18 días abrimos as portas do barco e convidamos a mulleres emprendedoras galegas e do Norte de Portugal a embarcar…”

 

Querida Atlântica, benvida ás primeiras millas dese soño. Fai exactamente 18 días abrimos as portas do barco e convidamos a mulleres emprendedoras galegas e do Norte de Portugal a embarcar con nós nesta aventura. Se estás lendo estas liñas, estamos seguras de que compartes o espíritu Atlântico, polo que nos encantaría verte en cuberta para sumar e aprender de ti e das túas experiencias.

O barco está a piques de zarpar, porque mañá 19 de outubro levantamos anclas e partimos ata un montón de actividades que teñen como obxectivo coñecernos, apoiarnos e facernos máis visibles na sociedade.

A partir de entón, empregaremos este Blogue coma o noso Diario de Abordo particular, no que semana a semana narraremos as aventuras da comunidade e das valentes Mulleres Atlânticas.

Vémonos a bordo?

Sobe aquí.

comunidade, emprendedoras, presentación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

© 2019 MULLERES ATLÂNTICAS. TODOS OS DEREITOS RESERVADOS.
MAQUETADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO GUSTO PARA TODAS AS MULLERES ATLÂNTICAS.
IN PROGRESS, MELLORA CONTÍNUA E MANTEMENTO WEB DA MAN DO EQUIPAZO SALADO DE IVORY SOLUCIONES.